30.3.07

outra acción que reparar


Non sei se serei a persoa adecuada para reparar esta inacción, pero compréndote. Eu sempre quixen ser Ángela Chanin e nin dei chegado a Suellen.
Vouno intentar e comezarei recomendánchoche, querida amiga (intúo que es unha muller, se es home a ver se che vou meter agora nun conflicto irreparable!) que comezaras por facer moitos biscoitos, fainos ás moreas, ata que te fartes de bater ovos, e despois dallos a comer á túa familia, ós teus amigos, a quen pase por diante. Se é o único que fas mal, pois aproveita e promociónao.
Despois empezas a cuspir no chan. Cando vaias andando pola rúa, con ese teu andar gracil que che outorga a perfección, ladea a cabeza un chisquiño cara ó lado dereito, e así, coma quen non quere a cousa, cuspe. Ao principio sairache un cuspiño mixiriqueiro, coma a babiña dun bebé, virá o rubor, o nerviosismo, pero ti segue cuspindo, non teñas medo, ó fin chegará o pracer e cuspirás con garbo. É cuestión de ir collendo confianza nun mesmo. Tamén é importante que non te excedas, ti queres facerte malandrina, non asociarte ó sindicato de "porcalláns sen fronteiras". A ver se me entendes, cuspe con ganas, pero sen facer ese grrrrrrr que tira de adentro, que saia só o que está da gorxa para arriba. Para o outro mellor recorres a un farmaceutico.
A segunda fase do tratamento será empezar a cuspir cando fagas algo ben. No teu caso recoméndoche que bebas moito, para non quedar sen cuspe, ti xa me entendes, se o fas todo ben vas ter moito que cuspir.
É agora cando chegamos á fase na que entra o pendoneo. Prohibido beber auga. Cando se che seque a boca e comeces a sospeitar que as glándulas salivais non dan abasto comeza cunha copiña de anís. O anís é doce, relaxa o ánimo e o olor é más agradable que a xenebra. Non está moi estudado pero pode que ata sexa afrodisíaco e así xa matamos dous paxaros dun tiro. O principal é que non esquezas levar sempre contigo unha petaca, tamén serviría un barril pero pasa menos desapercibido.
Catro cuspes, catro lingotazos da anís e serás unha muller liberada. Lembra, de cada vez un grolo, que non vai todo xunto. É esencial ir aprendendo a dosificar.
Nota: Estes consellos responden á primeira sesión. Tes que poñer algo da túa parte, claro. Infórmame se a evolución progresa adecuadamente e pasaremos á segunda fase. O superdespendole (to be continued).

2 comentarios:

Anónimo dijo...

pue vera ute, eu o de cuspir o levo fatal...e como a miña vida, vai sempre onde quere e non onde eu lle digo, e claro o final quedame o cuspe na barbilla.Eu preguntome ¿no valdra un bo me cajo en dios como terapia de superacion da miña inseguridade..?bueno agradezolle o seu tempo que a seguro que e do mais valioso porque vostede ten pinta de moi estudiada..

firmado

uno que..."ya te molaba"

María dijo...

Mira, a estratexia está en non cuspir nunca contra o vento.
"ya me molaba, ya!"
Fdo: la estudiada:-)