27.4.07

maldita opositora

Hoxe venres, 27 de abril, ás 7.30 soa o despertador. Apágoo. Dez minutos despois, soa o despertador. Apágoo. Dez minutos despois, volve a soar o despertador. Levántome coma un tapón de tropezo contra a esquina da porta, cágome un pouco no innombrable e arrástrome ata a cociña, coxeando delirante para facer un café, desbotando a opción do zume de laranxa por demasiado san para o meu estado lastimeiro. ¿Que soñaría esta noite? Que pasa, non hai ningún regulamento da DXT que lle prohiba aos tanques arrollar aos esfarelados candidatos a opositores cando están durmindo?
Máis de corpo ca de alma chego ó centro de traballo, curva vai curva ben... xusto cando toca o timbre. Alá vou. Traballo por grupos. O secretario pode cotexar en ausencia da directora... alá vou eu, con todo o meu papelerío, pero xa se me adiantara a nova substituta que inda non había nin 10 minutos que aterrizara no centro, demostrando que para ser máis espabilada ca min tampouco fai falta ser filla de Einstein. Póñome á cola.
Saio do Centro, curva vai, curva ben... levo diante un Xantia cun condutor prudente, pero prudente prudente, que non pasou dos 40 kms hora nin en zona urbana nin monte através... Intento adiantalo, ven un camión. Intento adiantalo, ven un ford non sei qué. Intento adiantalo, acelera, intento non pensar nos seus antepasados e encendo un pitillo. Subo o volume da música, respiro forte... dáme tempo, dáme tempo.... Intento adiantalo e adiántoo, nun carril xa pensado para iso, inda menos mal... quero gañar os minutos perdidos e excedo a velocidade. Un coche de Trafico saúdame desde a beira da estrada... ¿Onde estabades cando me pasou o tanque por riba?, eu sorrío, con aires de Greta Garbo nun descapotable... eles tamén sorrín con aires de tranquila bonita, que dentro de nada terás na casa unha invitación a pasar por caixa. Encendo outro pitillo... do revés!
Falando de pasar por caixa xa paro no banco, cola coma nos peores tempos da cartilla de racionamento... 39'16 multiplicado polos 3000 desgraciados que andarán por alí... Sinto lástima pola Administración... e chea de lástima entro no Edificio Central de Recollida de Documentación e Puteos Varios. O primeiro que atopo, un amigo sincero ¿quen coño pideu ter un amigo sincero?.
-Ola María, canto tempo, ti por aquí, que andas a facer?
-Busco un rexistro no que haxa pouca xente.
-Ufff, vas ter que ir á zona nova.
-Noto que se me arquea a cella esquerda. Malo será, ho.
-Pero qué che pasa, menuda cara tes!
-Que lle pasa á miña cara.
-Parece que non durmiches nun mes, tes unhas olleiras neeeegrraaaaasssss, dá pena.
-Sorrío hipócritamente, moi hipócritamente ao tempo que penso, a este mamalón ninguén lle dixo que é mala educación dar opinións sobre os maltreitos aspectos alleos e menos se ninguén as pide?
-Bueno, estou algo cansa.
-Algo cansa.... estás fatal!!. Vémonos mañá?.
-Sorrío hipocritamente. A ti como non te afastes de min rápido só che van ver os que teñan ganas de rezarche un Padrenuestro...
Sigo de peregrinaxe polos corredores e só atopo rexistros abarrotados. Entro nun. Unha rapaza que parece moi amable cotexa sen parar. Outra que non fai nada enruga a cara con aire de buf, qué agobio te tengo enriba!.
Unha voz desde algún lado di, os que non teñan que cotexar que pasen por aí. Apúrrannos á do agobio. Vai a rapaza que está diante miña, despois de dous berros recolle todo e marcha. Tócame a min, que levo unhas 100 dúbidas na cabeza ordenadas alfabeticamente:
-Mire, eu traio todo cotexado pero non sei se teño que entregar os orixinais das publicacións.
-Nun tono de voz que feriría a sensibilidade do que inventou os micrófonos. Mira, pues yo solo te recojo documentación.
-Os meus centrímetros de estatura decrecen á velocidade da luz. Bueno, pois aquí está. Esquezo o alfabeto.
-Ah!!! y no tienes fotocopia de la solucitud, toma! E así como eu lle entregara todo, ordenadiño, pensadiño, explicadiño... chántamo diante do mostrador de volta.
-Recollo os dentes do chan e vólvoos a colocar na boca. Algún quédame torcido e abanéame ao dicir, teño aquí outra copia.
-Ah! bueno, menos mal, porque aquí no te estamos para hacerlo todo.
Ponme o rexistro de entrada, sinto que me cuspe a min, ó rexistro, ó papel e a toda a existencia humana, animal e vexetal xunta. ¿A dedo?...Esta entrou co meñique!. Detrás vai un rapaciño con cara de ser a primeira vez que pasa por ese trámite. Ten a expresión demudada, ó mellor pensa que se equivocou de lugar e realmente está pagando o selo para entrar en Auswitch.
Saio remoendo bilis. Coas presas esquecín que hai necesidades fisiolóxicas ineludibles. A miña vexiga faime sentir coma un peixe globo. Teño tantas ganas de chegar á casa que intento aparcar cerca da porta. Non hai maneira, a realidade constátame por millonésima vez que teño días nos que non son do meu tempo. ¿Cando atopei sitio para aparcar ao lado da porta a esta hora?
Acabo de chegar ... Despois do primeiro póñome a escribir mentres penso en Rubén Blades: Decisiones, todo cuesta... e non sei se poñer a tabla de planchar e plancharme eu, se pechar a porta por dentro e tirar a chave pola ventá, se encher a pileta de auga e probar a afogarme nela. Decídome por chamar a miña irmá, hoxe cumpre anos, 10 menos ca min. Para máis!!!
Sacome as ganas de repartir patadas

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Se me parece que te estou vendo e escoitando... mándalle un bico á túa irmá,é certo que cumpre un día antes que o meu fillo.
¿ Daraste conta de quen son?
Biquiños desde lonxe

María dijo...

Claro que me dou conta de quen es... Bicos para ti tamén, para a familia e para a netiña...si, esa que che fai roubarlle os babeiros:-)